Calvo Xiria cae nas semifinais da Copa Federación ante Reconquista

Duro encontro no Vila de Noia entre o Calvo Xiria e un renovado Reconquista cun resultado que deixou mal sabor de boca ás locais despois de traballar moi duro durante todo o enfrontamento.

O inicio do partido estivo marcado pola ausencia de goles e a eficacia das defensas. O conxunto vigués amosou a súa característica 6:0 con saídas que acostuma a disuadir e recuperar balóns, mentres que o Xiria optou por unha defensa menos profunda. As recuperacións do esférico grazas ó ben facer na liña de seis metros víronse inmediatamente contrarrestadas polas perdas en precipitados contraataques. A pesar de chegar un gran número de situacións de lanzamento claro, o Xiria non era quen de transformar os lanzamentos en goles e as visitantes mantiveron unha lixeira vantaxe no electrónico que non superou os dous tantos ata o descanso (10-11).

Na segunda metade o Calvo logrou o empate nada máis saír á pista cun gol de Marta Gómez, pero unha nova inferioridade e o cambio do rival a unha defensa moito máis compacta obrigou ó conxunto verde a empregar lanzamento exterior e xogo con extremos, que tivo unha porcentaxe de éxito moi baixa. A pesar de continuar cun nivel defensivo excelente durante o resto do partido, o Calvo Xiria soamente logrou sumar unha vez nos seguintes quince minutos, poñendo o (12-16) a falta de apenas 14 minutos. As exclusións seguían caendo no bando Carballés, que levaron a Natalia Solís á bancada no minuto 41 e tivo que ser suplida por Sheila, que volveu facer aparición no terreo de xogo tras unha lesión de longa duración.

Nos derradeiros minutos do partido o Xiria aumentou o ritmo con contraataques e cambios no xogo ofensivo, pero non foi posible a remontada xa que o porcentaxe de éxito no lanzamento continuaba por debaixo da primeira metade. O resultado final foi un digno (17-22) nun encontro pelexado ata o final, que veuse lastrado por ata sete exlusións e por unha porcentaxe de éxito de cara a portería por debaixo do 50%.

O Reconquista xorgará a final da Copa Federación ante o Carballal despois do final de liga, xa que esta semana comeza a primeira xornada do ciclo ligueiro, e deixa unha débeda a pagar que poderá ser saldada o 22/01/2024, cando o equipo vigués volva a Bergantiños para a novena xornada.

Calvo Xiria 17 – Coreti Lalín 22

Calvo Xiria (10+7): Nadia Vázquez (p), María Patiño (1), Aida Vizcaíno (1), Lara Souto (2), Lucía de la Torre (3), Tamara Pombo, Minia Calvo, Mara Garabaya (2), Natalia Solís, Marta Gómez (2), Duna Barca, Sheila Ferreiro (1), Valeria Figueroa (3), Andrea Díaz (2)

Coreti Lalín (11+11): Lara González, Alba Pérez, Cynthia Belo (4), Marta Matamala (2), Rebeca Mateos, Laura Rivas, Eva Paz, Ana Benavides (1), Raquel Taboada, Carla Caride (8), Ainhoa da Rocha (1), María Montero (5), Ana Rodríguez (1)

Árbitros: José Henrique Folgoso e Renzo Martín

Marcador cada 5 minutos: 2-1, 4-4, 5-6, 6-7, 8-10, 10-11, 11-13, 11-15, 12-16, 13-19, 15-20, 17-22